mércores, 21 de novembro de 2018

Viaxe ao funcionamento do cerebro

O pasado martes 20 de novembro os alumnos de 4ºESO deprazámonos ao Pazo da Cultura para asistir a unha charla divulgativa do biólogo e experto en neurofisioloxía Xurxo Mariño. A charla dividíase en dúas partes: como funciona o cerebro e como se pode musicalizar ese funcionamento.
Na primeira parte repasamos as partes do encéfalo e os seus usos, a razón de ter sistema nervioso mentres que outros seres vivos non o teñen (precisamos movemento para realizar as nosas funcións vitais) e os estímulos que recibimos do exterior e a súa interpretación por parte do cerebro.
Na segunda parte descubrimos un proxecto do equipo de Xurxo que consiste en escoitar o ruido que fan as neuronas. Para conseguir isto, precísase un aparello similar a unha agulla que se introduce no líquido no que se atopan as neuronas. Se o situamos no corpo dunha neurona escoitaremos o sonido desa soa célula, mentres que se o colocamos no líquido entre varias neuronas escoitaremos o sonido de todas elas.
O son producido por unha é constante ata que se produce a sinapse, na que se orixina un pico (correspondente a un pico na gráfica adxunta). Tamén poden observarse estos picos cando percibimos un novo estímulo. Varias neuronas producen moito ruido xa que teñen distintos momentos de sinapse ou se corresponden a distintos estímulos.
Na charla tamén se mencionaron enfermidades neurodexenerativas (como o Párkinson ou o Alzhéimer) e un dato moi curioso: temos 86 000 millóns de neuronas, e cada segundo morre unha; pero temos tantas que ao chegar á vellez só perdemos un 4% do total.
A charla foi moi amena e aprendimos moitísimas cousas novas que despertaron o noso interés.

Noa Filgueira Piñeiro

domingo, 4 de novembro de 2018

Tres homes con lesións medulares volven camiñar

Un equipo do Instituto de Tecnoloxía Suízo de Lausanne traballou con tres homes que sofrían lesións medulares totais ou parciais desde hai catro anos nas extremidades inferiores para que puidesen volver a camiñar.
Este equipo implantoulles un estimulador no abdome que se conectaba a un campo de electrodos situado na rexión lumbar (onde se atopan as células que controlan os músculos das pernas); e fixeron un mapa individual para saber como e onde aplicar estes estímulos. Os pacientes comezaron camiñando nunha cinta de correr, para logo camiñar sobre o solo. Tras o longo proceso de rehabilitación, camiñaban coa axuda parcial dun andador e con estimulación epidural eléctrica, mais ao final do proceso conseguiron facelo sen este último mecanismo.
Esta é unha noticia que nos permite comprobar como a ciencia avanza cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de enfermidade ou doenza.
Aquí o enlace para ver estes avances:
Camiñar tras unha lesión medular