Dado que hoxe é o Día Mundial da Hemofilia, aproveito para contaros algúns datos sobre esta enfermidade que se produce por unha deficiencia de proteínas que interveñen no sistema de coagulación do sangue, e que pode presentar un risco para a persoa que vive día a día con ela.
A chamada "enfermidade dos reis" (pola súa presenza nas casas reais) é unha enfermidade vinculada ao cromosoma X, polo que son as mulleres (cromosomas XX) as portadoras, e os homes (cromosomas XY) os afectados. Maniféstase a través de hemorraxias frecuentes, ben internas ou externas, que poden ser graves problemas para o enfermo. Tamén está considerada como unha enfermidade discapacitante, xa que se lle poden asociar danos articulares que dificulten o movemento.
Nos últimos anos houbo unha serie de avances médicos e científicos que permitiron desenvolver tratamentos para combatir a hemofilia. Aínda non hai unha cura definitiva, pero a esperanza de vida das persoas con esta enfermidade mellorou moito con respecto a anos atrás. A Federación Española de Hemofilia (FEDHEMO) denuncia que existen tratamentos aprobados e dispoñibles na Unión Europea que non chegan a España por motivos económicos.
A Federación impulsa hoxe, Día Mundial da Hemofilia, a iniciativa de levar unhas gafas vermellas a favor da investigación desta coagulopatía. Ademáis, aquí déixovos a páxina da FEDHEMO, por se queredes ler máis información sobre estes casos: http://fedhemo.com/
Ningún comentario:
Publicar un comentario